📢 🤝 Chamamento ao Voluntariado: Necesitámosvos!

02.09.2026

Estimados socios e socias,

Dende a Agrupación Deportiva Un Paso Máis temos a inmensa ledicia de anunciarvos un proxecto no que levamos traballando con moita ilusión e que por fin verá a luz: o I Circuito Un Paso Máis.

Como ben sabedes, o noso obxectivo sempre foi fomentar o deporte para todos e todas. Por iso, deseñamos esta actividade como unha experiencia estritamente lúdica, recreativa e non competitiva. Será unha xornada pensada para favorecer a actividade física, o lecer compartido e a participación familiar.

O evento consistirá nun percorrido pechado no que iremos atopando diferentes obstáculos e retos sinxelos e divertidos. O máis importante desta xornada é a inclusión: cada obstáculo estará deseñado para ser seguro e contará sempre cun paso alternativo adaptado. Deste xeito, garantimos que ningunha persoa participante quede excluída por razón das súas capacidades físicas ou motoras. Aquí non haberá cronómetros, clasificacións nin premios aos máis rápidos; a nosa única meta é gozar xuntos.

Anotade ben os detalles desta gran cita:

  • Data de celebración: Domingo, 20 de setembro de 2026.

  • Horario: De 11:00 a 13:00 horas.

  • Lugar: Contorno da Praza do Concello e Xardín Municipal de Carballo.

  • Finalidade: Toda a recadación irá destinada ao sostemento e desenvolvemento das actividades e fins sociais, deportivos e inclusivos da nosa Agrupación.

🏃‍♀️ Sobre as inscricións de participantes

Queremos informarvos de que moi en breve abriremos o prazo de inscrición para participar no circuíto. Haberá un límite máximo de 500 prazas e o proceso (incluíndo o pagamento da cota) xestionarase de xeito áxil a través da plataforma CLUBER. Avisarémosvos en canto a ligazón estea activa para que poidades asegurar a vosa praza!

🤝 Chamamento ao Voluntariado: Necesitámosvos!

Para que un evento destas características sexa un éxito e se desenvolva con total seguridade, a peza máis fundamental sodes vós. Antes de abrir as prazas para correr ou camiñar, queremos formar o mellor equipo de apoio posible.

Por iso, dende hoxe mesmo poñemos á vosa disposición un formulario para todas aquelas persoas que queirades acudir como voluntarias ao evento. Precisaremos mans para guiar nos obstáculos, orientar nas zonas de paso adaptado e animar con toda a enerxía ás familias participantes.

Agardamos contar convosco para dar, unha vez máis, un paso máis cara á inclusión e o deporte para todos.

Unha aperta moi forte,

Agrupación Deportiva Un Paso Máis

Share