Deporte adaptado e inclusivo no CEIP Xesús San Luis Romero

18.12.2025

As instalacións do CEIP Xesús San Luis Romero de Carballo transformáronse nun escenario de convivencia e descubrimento. A visita de varios integrantes da Agrupación Deportiva Un Paso Máis non foi unha actividade extraescolar calquera; foi unha lección de vida que permitiu a escolares e docentes poñerse na pel do outro, explorando o mundo a través de capacidades diversas.

O pavillón e os espazos deportivos do centro vibraron cunha enerxía especial. A agrupación deseñou un completo abano de actividades onde as regras do xogo cambiaron para dar paso á inclusión total.

Os alumnos e alumnas puideron participar en modalidades que desafiaron os seus sentidos e as súas habilidades motrices: baloncesto en cadeira de rodas (onde a forza dos brazos e o equilibrio foron as claves); circuíto para invidentes e Blind Fútbol (un reto para o oído e a confianza, aprendendo a desprazarse e xogar sen o sentido da vista); e voleibol sentado e circuíto de mobilidade reducida (experiencias que demostraron que o esforzo e a estratexia non entenden de límites físicos).

Os rapaces non só xogaron, senón que puideron reflexionar sobre as dificultades que presentan estas modalidades fronte ás ordinarias. Esta análise crítica axúdalles a comprender que a discapacidade non é unha limitación da persoa, senón a miúdo unha barreira do contorno que todos e todas podemos axudar a derrubar.

Unha das notas máis destacadas do día foi a participación unánime. Desde os nenos e nenas de Educación Infantil, que con curiosidade e naturalidade se achegaron ás novas dinámicas, ata os maiores de sexto curso, que amosaron unha gran madurez e espírito de equipo.

Os docentes tamén se sumaron á experiencia, compartindo risas e retos co seu alumnado. Esta implicación do profesorado é fundamental para transmitir o mensaxe de que a educación en valores e o respecto pola individualidade de cada neno e nena son piares fundamentais no desenvolvemento humano.

"Estas actividades son para todas as idades e condicións. O noso obxectivo é que cada neno sinta que pode participar e que a súa forma de facelo é única e valiosa", lembraron desde a directiva de Un Paso Máis.


Fonte: Correo Gallego     La Voz de Galicia     El Diario de Bergantiños