Nove meses, nove obradoiros de familia

07.10.2025

Aasociación Un Paso Máis de Carballo porá en marcha dende o próximo sábado o primeiro de nove obradoiros de familia pensados para acompañar, formar e apoiar no complexo camiño da crianza de nenos e nenas con diversidade funcional. Celebraranse o segundo sábado de cada mes, en horario de mañá, no Casino carballés. Serán distintos profesionais de diversas ramas os que se encarguen de cada sesión, con horario de 10.00 a 13.00 horas.

O primeiro que terá lugar leva por título Coidar(se) para coidar: Autocoidado e benestar para as familias. Correrá a cargo de Teresa Vilanova, psicóloga clínica e instrutora en mindfulness e compaixón.

A inscrición será obrigatoria en unpasomais.org e terá un custo de 5 euros por familia, indican desde a entidade. Tamén ofrecerán canguraxe por 10 euros neno ao día.

Benestar e inclusión

As sesións abordarán algúns dos temas que máis preocupan ás familias dende os primeiros momentos tras o diagnóstico ata os retos da adolescencia. «Con esta nova proposta, Un Paso Máis reafirma o seu compromiso co benestar das familias e coa construción dunha sociedade máis inclusiva, consciente e solidaria», traslada a agrupación.

Isabel García, doutora en Desenvolvemento psicolóxico, da aprendizaxe e da saúde, coordina o programa, no que tamén se tratará a alimentación, a autonomía, a medicación, a sexualidade ou as fobias, entre outras temáticas. Lucía Pérez, terapeuta ocupacional especializada en TEA; Georgina Ventura, educadora social; Juan Carlos Díaz, psiquiatra, e outros doutores trasladarán o seu saber nas distintas áreas.

Banesa Martínez, presidenta de Un Paso Máis, agradeceu a cesión das instalacións e a colaboración dos profesionais, así como a participación das familias. Desde a entidade lembraron, con datos na man, que «cada día, máis familias precisan apoio ante o incremento das necesidades especiais na infancia». Os interesados xa poden anotarse.